29/11/13

HIPATÍA DE ALEXANDRÍA EN MELIDE

Hoxe, en lugar da nosa clase habitual de cultura clásica na aula 205, tivemos a sorte de recibir unha das leccións maxistrais de Hipatía, a famosa matemática, astrónoma, filósofa... que viviu na Alexandría dos s. III-IV d. C.
Para poder asistir a esta clase tivemos que prepararnos antes. En primeiro lugar, o alumnado de 3º ESO de física e química  investigou coa súa profe Raquel sobre esta científica e redactou unha pequena biografía. As alumnas e alumnos  de 3º A e parte de B continuamos na clase de cultura clásica estudiando o vestido antigo  e aprendimos a facernos traxes en cinco minutos con telas e imperdibles. Vimos  tamén un fragmento da película Ágora, de A. Amenábar, onde se recrea algunha das clases de Hipatía cos seus alumnos e tomamos nota de como eran os libros ou volumenes e que material "escolar" se usaban naquela época. O ciclo de madeira colaborou con nós aportando as taboiñas (tabellae ceratae) para poder tomar apuntes de tan ilustre mestra. O noso fotógrafo excepcional foi David Canoura, o profe de música e "retratista" oficial deste tipo de eventos.
E a que se debe semellante acontencemento? No presente curso, o tema de traballo monográfico do noso IES, coordinado pola biblioteca, céntrase no cine, baixo o lema Un ano de película. Unha das moitas actividades que realizamos os departamentos didácticos é a elaboración dun calendario para 2014 onde en cada mes recreamos unha película, os actores son as nosas alumnas e alumnos e os escenarios o instituto ou a vila de Melide. Anticipamos que algunas destas películas son Casablanca, A lingua das bolboretas, Braveheart, A lista de Schindler, Os nenos do coro, Men in black, Evasión o victoria, Harry Potter, O exorcista...
Nós, como é natural, escollimos unha película de tema clásico,  Ágora, de A. Amenábar, e fixemos unha versión da clase na que Hipatía trata de explicar aos seus discípulos a gravidade terreste mediante un pano. Decidimos que as escaleiras de Calvo, no centro de Melide, poderían transformarse nunha estancia da famosa Biblioteca de Alexandría. Aínda que aproveitamos o sol desta última semana de novembro, moito frío pasaron algúns/as mentres posaban. Arriba tedes o resultado e abaixo un fotograma da película.

Ningún comentario: