21/06/13

DESPEDIMOS O CURSO ESCOITANDO O CANTO DAS SEREAS



Así como algún ano despedimos o curso cantando, nesta ocasión en grego de 1º de BAC preferimos escoitar o canto das sereas. Dado que este foi un ano dedicado ás viaxes e dende a biblioteca fixemos un traballo interdisciplinar titulado A viaxe e a migración, entre búsqueda e a necesidade, pareceunos de necesidade recrear algunha escena da Odisea, a viaxe das viaxes.
Velaí a famosa escena na que Ulises (Yuri), resiste como un campeón. As nosas sereas, Iris e Montse, tratan de engaiolar ao héroe, pero canto máis se remexe este, máis apreta as cordas a comandante Lorena. Os remeiros, Wellington, Diego, Celtia, Eva, Sara, Aitana, María, Denís e Noelia, reman inmunes ao fetizo, pois o sabio adiviño Tiresias aconsellara a Ulises tapar os oídos con cera.
Esta escena non sería posible sen a estupenda instalación que temos montada este ano no xardín do IES de Melide. Que pinta este veleiro en terra firme? Todo foi idea de Xosé Couso, profe de educación física do noso IES e auténtico experto nos grandes veleiros do s. XVIII, tal como nos demostrou na charla que nos impartiu na biblioteca. Pero o noso contramestre non podería facer o seu traballo se non contase coa man de obra do alumnado e profesorado do ciclo de madeira, que traballaron nesta ocasión como carpinteiros da ribeira, a pesares de ser de interior. Gloria, a nosa capitana da biblioteca, encargouse de tinxir con té as sabas vellas que lle levamos para darlles un aspecto envellecido (aínda que foi máis ben a nosa climatoloxía de inverno perpetuo a que deu esa pátina). Velaí ao alumando de madeira termando do mastro, nunha pose que a algúns nos trae a memoria outra famosa escena da Odisea, na que Ulises e os seu homes cegan ao Cíclope.
O departamento de música non foi capaz de reconstruír o máxico canto das sereas, pero prestounos estes estupendos remos, que eles utilizan para facer magníficas percusións.
Grazas a todas estas axudas poidemos revivir este archicoñecido episodio e dende o noso barco desexámosvos un bo verán, aínda que chova.
(E ollo co canto das sereas, que algún/a aínda ten pendente unha recuperación de grego...)

Ningún comentario: