28/05/12

ADEUS, PROFESOR MORALEJO

O venres 25 de maio faleceu en Compostela Juan José Moralejo, catedrático de grego na USC e profesor da meirande parte das profesoras e profesores actuais de clásicas en Galicia. A moitos de nós sorprendeunos esta noticia, pois hai apenas uns meses asistíamos a unha homenaxe polo seu 70º aniversario e puidemos disfrutar do seu bo humor que parecía descartar calquera problema de saúde.
Non pretendo facer aquí un resumo biográfico ou unha necrolóxica, e tampouco podería recopilar o moito que me transmitiu o profesor Moralejo. Si ben é certo que a miña vocación de filóloga xa era firme cando fun alumna súa, el alimentouna aínda moito máis coas súas clases de lingüística indoeuropea e textos gregos. Daría calquera cousa por conseguir nun só alumn@ meu esa emoción e ansiedade por saber que el provocaba en min coas súas clases de indoeuropeo. Pero máis que coñecementos, un profesor sempre ensina actitudes, todos percibíamos e nos beneficiábamos do seu pracer por ensinar. Esa frase que moitas veces emprego "eu debería pagar por dar clases" aprendina e copieina de el.
Nun principio parecíanos un profesor distante, que inspiraba un respeto que rozaba o medo, pero pouco a pouco a súa retranca e o seu agudo sentido do humor descubríronnos unha persoa entrañable. Sirva como mostra esta autodefinición "licenciado en trucholoxía e profesor de grego en temporada de veda", porque ademais da súa profesión soubo apaixoarse polas pequenas e grandes cousas da vida que merecen a pena.
Χαῖρε, δάσκαλε que os deuses lle concedan unha última travesía favorable, sabio e rico con canto gañou no camiño.

1 comentario:

Álvaro P. Vilariño dixo...

Recordo del como aprendín os grupos consonánticos indoeropeos pronunciando o nome dun famoso porteiro do Español, o camerunés Nkono....
Sit Tibi Terra Levis