10/03/13

En Lugo, vendo teatro clásico un ano máis... e reflexionando.


Como todos os anos, non podíamos faltar a nosa cita co Festival de Teatro Grecolatino, organizado pola SEEC. Asistimos o primeiro día ás representacións de Agamenón de Esquilo e As Tesmoforiantes de Aristófanes, a cargo do grupo El Ruiseñor. Como é costume no IES de Melide, estas obras son de lectura obrigatoria para os alumnos de Grego e os de Cultura clásica, contando sempre coa axudiña dunhas guías de lectura.
As representacións foron magníficas. Pola mañá os actores foron quen de facernos vivir o ambiente de crimes e violencia da casa de Atreo e as ansias de vinganza de Clitemnestra coa desaprobación dun coro ben sincronicado e cunha boa dición. Pola tarde, xa máis relaxados, rimos un bo cacho ante os apuros de Eurípides e o seu parente por librarse da vinganza das mulleres, sempre vilipendiadas nas obras do tráxico e de paso tamén nas de Aristófanes, que as utiliza constantemente como recurso cómico.
A actitude das rapazas e rapaces do IES de Melide foi, como sempre, excelente, o que anima a seguir realizando actividades extraescolares.
Sempre aproveitamos a xornada de teatro para visitar algún pequeno recinto arqueolóxico ou museo, pero este ano non foi posible, xa que o luns é o día universal de peche de tales lugares. Aproveitamos para dar un paseo pola magnífica muralla de Lugo e estudiar un pouco a súa historia.
Facendo un pequeno balance desta actividade ao longo destes trece anos de vida, podemos afirmar con rotundidade que é sumamente proveitosa, que seguiremos asistindo a este festival e queremos agraceder tanto a SEEC como ao Concello de Lugo a súa organización. Non obstante, imos facer un pouco de crítica construtiva:
- A SEEC pediríamoslle o esforzo de presentar, polo menos, o Festival na lingua do país, xa que parece que non temos posibilidade ningunha de ver algunha representación en galego. Nestes trece anos a presentación foi sempre en castelán e estamos seguros de que os profes de clásicas, expertos en non deixar morrer linguas e políglotas todos eles, son quen de non deixar falecer a súa propia.
- Ao Concello de Lugo pediríamoslle que faga un esforciño máis durante esta semaniña, ampliando horarios de recintos e museos que teñan que ver coa romanización para que os miles de escolares que pasan esa semana pola cidade podan aproveitala un pouco máis, sobre todo aqueles que veñen de máis lonxe.
Quen subscribe este artigo tivo a sorte de asistir aos Ludi Saguntini e non deixa de soñar cuns "Ludi Lucenses", nos que os nosos alumnos/as disfrutasen de talleres, xa non todo o ano como os afortunados valencianos que contan coa Domus Baebia Saguntina, senón só unha semaniña ao ano, a do teatro.
E xa postos a pedir, veña que é gratis. Cando organizamos viaxes a outras comunidas autónomas, observamos que nas páxinas de concellos e organismos oficiais impulsan o coñecemento do seu patrimonio e exhiben toda unha galería de material escolar para o seu aproveitamento. Non sería estupendo (e absolutamente necesario) contar con material didáctico, patrocinado polas nosas consellerías, para traballar mellor nas visitas culturais cos nosos alumnos? Moitos de nós, e xa non digamos o profesorado en paro, estamos dispostos a compartir o noso traballo, a correxilo e aumentalo... ás veces compartilo na rede cos compañeiros non é suficiente, é necesario que as institucións se impliquen e "oficialicen" o seu compromiso co patrimonio e cultura propias.
Aquí queda un humilde ofrecemento ou talvez unha proposta de traballo colectivo.

2 comentarios:

Álvaro P. Vilariño dixo...

Subscribo todas as túas peticións!!

Álvaro P. Vilariño dixo...

Subscribo as túas palabras!!
E xa postos engado unha máis. Que as obras sexan gratis para o alumnado!