Este ano o dedicatario das letras galegas é Xosé María Díaz Castro, quen escribía o coñecido poema no que comparaba a Galicia coa tea que Penélope tecía polo día e destecía pola noite co fin enganar aos pretendentes que a presionaban para que, dada a prolongada ausencia do seu esposo Ulises, elexise a un deles. Para gañar tempo a fiel Penélope, como muller previsora que era, pedíralles aos cento e pico pretendentes que a acosaban que lle deixasen confecionar un sudario para cando morrese o seu sogro Laertes. Polo día tecía a mortalla do seu sogro e pola noite desfacía o seu traballo e así conseguiu manter o engano varios anos, até que foi descuberta por unha das súas escravas que informou aos pretendentes.
Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves escoitar a chuva.
Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron, Deus é o mesmo.
Suco vai, suco ven ¡Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar o seu desmo.
Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
¡Un paso adiante e outro atrás, Galiza!
E aínda que este fermoso poema foi escrito hai cincuenta ou sesenta anos, lémolo, por desgraza, coa frescura dun texto recén composto, porque a todos os niveis damos un paso adiante e outro atrás: a normalización lingüística deu dous pasos atrás co decreto de plurilingüísmo, perdemos os dereitos cidadáns que adquirimos, desmantelan os servizos públicos como sanidade e educación que deron calidade ás nosas vidas nos últimos cincuenta anos, limitan o noso acceso a xustiza... A que situación vai volver o país se este goberno consegue levar a cabo todos os seus pérfidos plans? Se Díaz Castro levantase cabeza atoparía eses mesmos bois arando eternamanete baixo a chuva, suco a suco, a todos nós envoltos en sabas de mil anos.
1 comentario:
Isto vai ser o que lerán hoxe os meus alumnos de grego en clase. Grazas por compartilo!
Publicar un comentario