Unha vez máis o
IES de Melide non faltou á cita co Festival de Teatro Grecolatino que organiza a
SEEC en Lugo cada ano.
Saímos a primeira hora e comezamos a nosa xornada en Lugo cunha visita ao
Centro de Interpretación da Muralla. Era á primeira vez que íamos a este pequeno museo e gustounos moito, xa que mediante unha serie de vídeos e pantallas interactivas explicaba de xeito eficaz e breve a historia da muralla e o seu papel na cidade de Lugo ao longo dos tempos. Cando vimos un dos vídeos a algúns chamounos a atención que, pese a estar todo o vídeo en galego, as declaracións de dous arqueólogos municipais lucenses fosen en castelán. Nas súas intervencións sinalaban a importancia de conservar a muralla, patrimonio da humanidade de
nde o ano 2000. É mágoa que os que se preocupan por preservar a nosa herdanza non reparen en que é igual de importante (ou máis) conservar a nosa lingua, patrimonio inmaterial e sinal de identidade.
Ás 12.00 acudimos ao auditorio Gustavo Freire para asistir á representación das
Asembleístas de Aristófanes a cargo do grupo Párodos do IES Siberia Extremeña. A súa posta en escena, orixinal e algo libre con respecto ao texto de
Aristófanes, fíxonos pasar un bo rato coa súa boa interpretación cómica e as danzas e cantos dos seus coros. A protagonista, Praxágora, ademais de boa actriz, resultou toda unha revelación como cantante.
Pola tarde o grupo Parrocha, herdeiros do grupo Sardiña (toda unha referencia en teatro clásico), representaron
As Troianas, traxedia de
Eurípides. A súa coidadísima posta en escena e a súa representación maxistral foron que de transmitir ese πάθος ou paixón que transmitía a traxedia grega, conseguindo unha auténtica catarse ou liberación dalgúns dos que asistimos, ademais de conseguir impor coa súa interpretación un ambiente de recollemento.
En resumo, unha xornada estupenda na boa compaña dunhas alumnas e alumnos que saben estar e comportarse e aproveitar ben (?) actividades coma esta.
3 comentarios:
Esa interrogante despois da palabra alumnos, que significa?. Que sorte ter unha profe que organiza actidades para os ????????
En realidade o interrogante vai despois de "aproveitar ben" a actividade, of course. Aquí unha que se gaba do ben que se lle portan os alumnos, pero que ten as súas lóxicas dúbidas de si se enteraron ben. E devolvóche o cumprido, profe superorganizador!! BKS
É curioso porque eu tamén reparara nese interrogante. De entrada, que o interrogante vaia despois de "aproveitaron ben" e non despois de "compostáronse ben" xa é para estar orgullosos dos nosos rapaces nestes tempos difíciles. O de entender os clásicos, pouquiño a pouquiño. Por certo, eu tamén estiven por Lugo - o mércores-, e unha vez máis, foi un verdadeiro pracer.Un saudiño.
Publicar un comentario