23/02/10

O dedo de Aznar e a incultura clásica de Feijóo

A semana pasada, concretamente o 18 de febreiro, o expresidente Aznar facía este xesto a un grupo de estudantes da Universidade de Oviedo que o recibían dun xeito pouco cariñoso. Non imos entrar a valorar esta resposta nin ao seu protagonista, porque pouco ou nada ten que ver coa cultura clásica, obxecto do noso blog.
O que si que nos chama a atención foron as declaracións do presidente autónomico de Galicia, onde trata de xustificar a reacción do seu correlixonario, o sr. Aznar, argumentando que este xesto xa se facía no mundo grego e romano, berces da nosa civilización:


Sabemos que o sr. Feijóo nunca vai ler este artigo, pero gustaríanos comentarlle un par de cousas.
En primeiro lugar, é certo que este xesto é moi antigo e aparece documentado en textos clásicos. Ben o saben varias xeracións de rapazas e rapaces que cursaron grego en 2º de BAC, xa que ata o ano pasado, tiveron como lectura obrigatoria As Nubes de Aristófanes. Nesta obra o vello Estrepsíades, un paleto que tenta aprender retórica para defenderse nun preito, ergue o dedo medio (v. 654) para explicarlle a un parodiado Sócrates que coñece o dáctilo (palabra con dobre sentido en grego:"dedo" e nome dunha unidade métrica). Este xesto provocaba as risas do público xa que na antiga Grecia tiña exactamente o mesmo significado obsceno que para nós.
En segundo lugar, sr. presidente, certo é que Grecia e Roma son o berce da nosa civilización e o seu legado é incuestionable (algúns vivimos de transmitilo!); pero tamén tiñan os seus defectiños: eran escravistas, defendían a pena de morte, a tortura, o terrorismo de estado, privaban dos dereitos elementais ás mulleres... Afortunadamente nalgúns aspectos superámolos e progresamos.
A súa argumentación, á parte de simplista, é perigosa. Que lle parecería que os alumnos dun centro de ensino o recibisen cun saúdo tan clásico coma este?. No noso instituto, en concreto, facer este xesto na aula pode supoñer unha expulsión inmediata, segundo o Regulamento de Réxime Interno.
E xa para rematar, sr. Feijóo, dáse conta da importancia da cultura clásica? Dende este modesto espazo instámoslle a que inflúa na Consellería de Educación para que esta materia poda ser cursada nos dous cursos de ESO, 3º e 4º, coma sucedía coa LOXSE, xa que agora coa LOE só se pode cursar un ano. É evidente que o coñecemento do mundo clásico é fundamental para que os nosos alumnos/as poidan argumentar con coñecemento de causa se é que algún día chegan a ser persoeiros públicos.

3 comentarios:

Daniel Lagoa dixo...

Ben falado, Susana. Algún personaxe -como o citado- só se acorda da cultura clásica cando lle interesa e para o que lle interesa: e para acodarse mal, mellor que non se acordase...O señor F. demostra que non é necesario ter un profundo coñecemento do mundo clásico para chegar a ser un persoeiro político; o señor A., que non hai que ter moita educación...Un saudiño.

Santi dixo...

Bene dictum, Susana.
Mal educado el uno, demagogo el otro. Impresentables ambos.
"Mais cultura clasica" y menos gestos.
Oscula.

miguelar dixo...

Muito bom¡