Se vas emprender a viaxe cara Itaca
pide que o teu camiño sexa longo,
cheo de aventuras, cheo de coñecementos...
Así comeza o famoso poema de Kavafis que nos fala da viaxe concibida coma unha metáfora da vida, un continuo percorrido por camiños que nos leva á aprendizaxe. Dende hai uns anos ven sendo unha tradición (pouco orixinal, por certo) despedir con este poema aos nosos alumnos/as que van deixar o instituto, para recalar noutros portos.
Sempre é un momento emotivo despedir a aqueles cos que compartimos moitas horas ao longo destes anos. Neste curso, ademais das alumnas de GREGO II, o departamento de grego impartiu Atención Educativa en dous cursos de 2º, de BAC. O feito de que esta materia non fose avaliable non impediu que non aproveitásemos o tempo, vendo películas interesantes, falando de temas de actualidade relacionados coas películas (e de paso repasando algo de historia contemporánea...), de temas cotiás que nos preocupan... A resposta xeral do alumnado foi moi boa, se ben a materia, polas súas características, podía prestarse ao abandono e ao desinterese. Grazas a todos eles por todas estas horas en común.
Pero, personalizando xa, quero despedir de xeito moi especial a Alba, Xisela, Lorena e Fátima, as alumnas de Grego II con quen pasei moitas horas no departamento de grego e, en anos anteriores, nas aulas. Hai pouco lin nunha novela de Coetzee algo sobre a paradoxa de ser profesor, xa que é el quen aprende e quen non é capaz de ensinar nada. No meu caso teño que darlles as grazas por ensinarme tantas cousas, e oxalá que non se cumpra a segunda parte da paradoxa e eu pudese aportar algo á esa súa viaxe. Considérome moi afortunada por poder "gañar o pan" facendo algo que me gusta tanto e recibindo tanto das miñas alumnas... (ás veces penso que son eu a que debería pagar...)
Só me queda desexarlles que cheguen a portos novos e "adquiran fermosas mercancías, nácaras e corais, ámbares e ébanos e perfumes deliciosos de todo tipo". Grazas por este cachiño de camiño xuntas.
4 comentarios:
Poderás dicir moitas outras cousas, pero non que non ensinaches nada, porque acabas de dar unha lección maxistral da que moitos deberían aprender. Grazas, vexo que seguimos na onda.
Como seguidor asiduo deste blog estou ben seguro, Susana, de que os teus alumnos aprenderon moitísimo de cultura clásica, grego, historia, literatura...e, sobre todo, de ilusión, compromiso, ganas de facer ben as cousas...Dá un pouco de pena rematar os cursos, ver como os "compañeiros de viaxe" continúan a súa travesía...Só queda desexarlles que os deuses lles sexan favorables. Recordaremolos.¿Recordarannos? Seguro que polo menos algúns si...Felicidades polo teu bo traballo.
Grazas por estes comentarios tan xenerosos, pero é moi humano o pánico dun profesor a non conseguir selo. Ás veces non chega coas boas intencións nin a vocación.
Bo blogue
Publicar un comentario