19/06/14

A ODISEA DA EDITORIAL MARVEL

Esta adaptación do poema épico de Homero de Roy Thomas e Greg Tocchini relata o acontecido uns anos despois da guerra de Troia entre troianos e gregos.
O cómic comeza describíndonos a situación na que se atopan os parentes máis próximos a Odiseo, como a súa muller, Penélope e o seu fillo Telémaco, despois de varios anos sen ter noticias del. Despois de tanto tempo todos o dan por morto, porén, lonxe da realidade que os rodaba, Odiseo segue vivo, aínda que por mor de todos os obstáculos que lle impuxera Poseidón, o deus do mar, non conseguira chegar á súa casa. Coa axuda de Atenea, deusa da sabiduría, logrará sobrevivir a todos eles.
Logo de pasar diferentes perigos no mar, Odiseo atopábase nunha illa ao carón da ninfa Calipso. Con ela estivo durante sete anos sen poder escapar do seu lado, facéndolle esquecer ao seu país natal. Mais iso rematou no día no que Atenea lle pediu a Zeus que o liberase dela.
Por outra parte, Telémaco decidirá ir na busca de seu pai, xa que non podía seguir sen novas del. Asemade, o seu fogar estábase a converter nunha casa de tolos, xa que estaba chea de pretendentes da súa nai. Penélope, para non ter que casar con ningún deles fixera a promesa de que cando rematase de tecer unha enorme tea, escollería marido. Porén a muller de Odiseo tecía polo día e pola noite desfacíao. Durante tres anos puido enganalos, pero a súa mentira non permaneceu máis e un pretendente descubriuna.
Mentres lle acontecía isto a Penélope e Telémaco, Odiseo tivo que vivir aínda máis aventuras na viaxe de volta ao seu fogar, pero coa axuda de personaxes como o rei Alcinoo e raíña Arete foi máis doado sobrevivilas. Na corte destes reis Odiseo refire algunhas desas peripecias como a do do cíclope, na que perderon a vida moitos dos seus compañeiros, a da illa Eea ou a casa de Hades e Proserpin, onde puido informarse de que súa nai morrera a causa do sufrimento que lle causara a súa ausencia.
Despois de todo isto, Odiseo conseguiu chegar a Ítaca. Disfrazado de vello, comunicoulle ás agachadas o seu regreso a Telémaco e, cando este lle contou todo o que estaba a acontecer na súa casa, planificaron e levaron a cabo un plan para desfacerse de todos os pretendentes de Penélope e deste xeito volveron ser felices como o eran antes.
Por último, dicir que o autor desta adaptación, Roy Thomas, un guionista e editor de cómics
estadounidenses, fixo unha gran labor nesta obra xa que reflicte todo o acontecido na Odisea de Homero sen alterar o contido e facendo que a lectura sexa un pracer e non unha tortura, xa que emprega vocabulario moi axeitado as nosas capacidades. Asemade a colaboración de Greg Tocchini, fai que a lectura sexa moito máis amena, levando ao lector polos mundos da antiga Grecia. Aínda que un aspecto negativo, dende o meu punto de vista, é que os debuxos son demasiado exuberantes, tanto nas mulleres coma nos homes, creando unha figura un tanto irreal. Aínda así, recomendaría este libro, xa que aparte de aprender sobre mitoloxía, tamén podes divertirte e nunca está demais probar cun cómic e deixar de lado por un momento a tradicional novela ou conto narrativo.
Patricia Amboage Santo, 1º Bach A

Ningún comentario: