24/10/14

HOMO HABILIS

Por fin comezamos a nosa andaina no blog este curso, máis retrasados que outras veces, talvez por perguiza, talvez por desánimo... O caso é que dende que comezou o curso fomos collendo forzas e xa estamos outra vez con ganas de facer cousas, aínda que o alumnado de grego descendese sensiblemente con respecto ao curso anterior.
Este curso o tema da biblioteca é Homo Habilis, que co seu toque clásico pretende centrar o noso traballo arredor da importancia da habilidade manual na nosa cultura. Reflexionaremos non só sobre o que o dominio das ferramentas supuxo para a mellora das condicións de vida do home, senón sobre como esa capacidade manual permitiu desenvolver a creatividade e fantasía mediante as artes plásticas, a música, e como non, a literatura a través da escritura. Non sen motivo dicía o filósofo grego Anaxágoras que o home é o máis intelixente dos animais por ter mans.
Aproveitando logo o noso necesario período de práctica de escritura en grego de 1º de BAC, elaboramos unha pancarta en grego coa súa tradución ao galego desta frase de Anaxágoras e colocámola nas inmediacións da biblioteca, como pauta primeira do noso traballo. Velaí o noso traballo

Ningún comentario: