O mércores 3 de maio celebráronse na Facultade de Filoxía, en Compostela, os II LVDI COMPOSTELLANI, organizados pola sección galega da SEEC con motivo da entrega de premios da III Olimpíada de Tradución de textos clásicos.
Ao igual que o ano pasado por estas datas, metimos no bus todos os nosos trastos, os cestóns de moda e escritura, a magnífica cadeira klismos que nos fabricou o ciclo de Madeira, lanzas, escudos, espadas... e 50 persoas máis para pasar toda unha xornada de traballo en Santiago.
Nesta ocasión, o alumnado de filosofía de 4º de ESO coa súa profe Marga Quintela acompañáronnos para representar "A Academia de Platón", un superéxito que comeza dando vida ao famoso cadro de Rafael "A Escola de Atenas" e remata facendo un alegato en defensa da filosofía como ferramenta indispensable para vivir nun mundo mellor.
Montamos os nosos tenderetes nos vestíbulos da 1ª e 3ª pranta da facultade e atendimos varias sesións de obradoiros en todo o día. Ao principio costou un pouco, pero logo as cousas rodaron soas e ao final da xornada as alumnas e alumnos de 3º de ESO e 1º de BAC eran xa expertos comunicadores.
Tamén tivemos a sorte de asistir a outros obradoiros como o de taboiñas micénicas e hoplitas, ambos impartidos por Fernando Lillo, mestre veterano e pioneiro de todo tipo de actividades. No obradoiro de ciencia, impartido polo IES e Ames, aprendimos a manexar unha escítala laconia e fixemos un reloxio de sol. No obradoiro de xogos, a cargo do alumnado de clásicas da facultade, competimos e atnamos algunhas resposta do pasapalabra e probamos con xogos tradicionasi, que son como os da AGXPT que temos no instituto. Non puiemos participar no obradoiro de cociña nin na xincana mitolóxica polas rúas de Compostela, outra vez será.
Esta xornada non sería posible sin a axuda de Davide Canoura, o noso musicus xa experto en escritura, e Marga Quintela, magistra maxima de filosofía e artes escénicas. Moitas grazas pola vosa sensibilidade co mundo clásico (e con outras moits cousas...). Tampouco sería posible montar semellante "feira" en filoloxía sin a imprescindible Teresa Amado e o apoio de toda a xente da SEEC.
Foi un día longo no que traballamos en equipo alumnado e profes e demostramos que o mundo clásico segue vivo e é necesario coñecelo para entender quen somos.
3 comentarios:
Qué buena pinta tienen esos talleres, Susana, dan muchas ganas de aprender con vosotros. Enhorabuena por el éxito.
Parabéns, Susana, para ti, os teus compañeiros e os teus alumnos. Preciosos e traballados obradoiros. Haberá que repetir! Gallaecia fulget!
Grazas, Ana e Fernando polos vosos comentarios, pero vos sodes os auténticos mestres e sen a vosa axuda estes humildes e incipinetes obradoiros non serían posibles
Publicar un comentario