É xa un post habitual neste blog por estas datas despedir ao alumnado de 2º de BAC, pero sempre é un momento especial que dificilmente pode caer na rutina.
Este curso foi un pouco distinto aos anteriores por un par de circunstancias. Nos primeiros días de clase se nos apuntaron Sara e Nadia, que sin ter dado Grego I foron quen de poñerse rapidamente a día e obter un resultado máis que aceptable. O feito de que estas sete alumnas, que finalmente conformaron a aula, fosen mulleres reivindicativas e transgresoras creou unha complicidade e unha óptica feminista coa que avaliabamos todo aquilo que se nos cruzaba no camiño. Moito arranxamos o
mundo nas nosas clases entre aoristos complicados e lecturas de Homero!!
Pasamos xuntas moitas horas na nosa pequena, pero xeitosa, aula 308, que case se está convertindo nunha aula materia de clásicas. Algunhas coñecémonos dende primeiro de ESO no club de lectura, xa que as inquedanzas moitas veces maniféstanse cedo. Compartimos lecturas, sesións de cine, teatro, viaxes, traballamos duramente nos obradoiros, vestíndonos de gregas e do que fixese falta. Algunhas como Nadia, María Vázquez, Sara e María Mato déixannos como agasallo magníficos papiros cunha fermosísima caligrafía... mentres Sarai, Naomy e Carlota se inclinaban máis polo obradoiro de moda clásica.
Aínda que me repita, non podo deixar de dicir unha vez máis o moito que aprendín con elas e que traballar nestas circunstancias é un privilexio. Sigo a pensar que sempre escolle grego o mellor de cada casa... Carlota, crítica e xestora musical, observadora aguda, reivindicativa, boa lectora. Sara, tamén observadora, discreta, pero decidida e valiente, que, ao igual que Nadia, non se arredou polo feito de non facer grego en 1º. Naomy, sempre alegre e cariñosa, co seu pelo tan rizo que me facía recordar á minoica parisina. María Mato, que despois dun pasado zascandil convertiuse nunha responsable alumna de Bac, co seu eterno despiste... (Non podo esquecer o día que, por erro meu, lle fixen tragar unha clase completa nunha das súas horas de psicoloxía e non rechistou porque tampouco se percatou do erro). Nadia, creativa, un espírito libre, capaz de facer ben varias cousas a un tempo... Sarai, doce, pero con moito coraxe baixo a súa duzura, sempre co sorriso posto e cunha palabra amable na boca. María Vázquez, que aínda que decidiu abandonar a tradución, seguiu con nós na aula, responsable no que de verdade importa... todas elas valientes, decididas e, por suposto, feministas.
A todas vos repito as palabras de Kavafis: Se vas facer a viaxe cara Ítaca, pide que o teu camiño sexa longo, cheo de aventuras, cheo de coñecementos. Seguide sendo inconformistas, transgresoras, seguide buscando sempre... e non temades ao fero Poseidón. O meu maior desexo sería que o voso paso polo instituto vos servise para adquirir ferramentas coas que poder desenvolvervos nesa gran viaxe que vos agarda.
E remato dicindo o mesmo que Safo cando algunha alumna marchaba da súa escola: "Non me esquezas e marcha alegre, sabes da ansia coa que te agarimei..."
Titoría
-
1.- Kitbull.
2.- 5 consejos para la vuelta al cole.
3.- Berlín y Postdam (españoles por el mundo).
4.- La puerta de Brandenburgo.
5.- Altar de Pér...
Hai 4 anos
1 comentario:
Emotiva despedida, como siempre, Susana. Enhorabuena por el trabajo, un año más.
Un abrazo desde aquí a todas las transgresoras de Melide!
Por cierto, nos vemos en Santiago dentro de poco.
Ah, suena muy bien Kavafis en gallego :)
Publicar un comentario